martes, 2 de xullo de 2019

CURSO 2018-19

Ata aquí, o curso 2018-19 no Pontepedriña que, como vedes, foi “completiño”. Graciñas ao grupo Leirabuxo por deixarnos empregar as súas cancións.

venres, 28 de xuño de 2019

VI CERTAME DE POESÍA ASOCIACIÓN CULTURAL ALBARIZA DE ARTES

Andrea Sanjurjo volveuno facer!!! Acaba de gañar o primeiro premio do VI Certame de Poesía Asociación Cultural Albariza de Artes e non é a primeira vez. Que orgullo de alumna!!!

xoves, 27 de xuño de 2019

EXCURSIÓN DE FIN DE CURSO

Un ano máis, rematamos o curso coa xa tradicional excursión. Foi un agradable reencontro. Proveitoso verán, compis!!!



sábado, 22 de xuño de 2019

FESTIVAL DE FIN DE CURSO. DESPEDIDA

E chegamos ao final. Foi un día de moitas emocións posto que se rendeu unha preciosa homenaxe ao profesorado que o vindeiro curso non estaremos neste estupendo centro. Moi poucas persoas puideron conter as bágoas. Penso que falo en nome de todas elas: GRACIÑAS POR TODO!!!

FESTIVAL DE FIN DE CURSO. TEATRO

Quen non tiveramos ocasión de ver a obra "Porteira es ti", do grupo de teatro do centro dirixido por Fran Campos, puidemos vela representada de novo no festival. Parabéns polo grandísimo traballo realizado, xa que hai momentos que dan arrepíos. Paga moito a pena!!!

FESTIVAL DE FIN DE CURSO. ACTUACIÓNS

Víctor Blanco (Dpto. Música) e Antonio Rivas (Dpto. Física e Química) puxeron a nota musical, mentres que Carlos Macho e Manuel Vidal (2º ESO) fixéronnos rir coa xa tradicional imitación dos "gorrillas".

FESTIVAL DE FIN DE CURSO. EXHIBICIÓN DE CAPOEIRA

O festival de fin de curso deu para moito. Unha das actividades que máis gustou foi a exhibición de capoeira, onde Erik Nascimento "Modelo" (Iandê Modelo Compostela) nos explicou as orixes desta ancestral arte marcial afro-brasileira. Foi un pracer tervos con nós!

xoves, 20 de xuño de 2019

CLASE MAXISTRAL DE MÚSICA TRADICIONAL GALEGA

Tivemos a fortuna de que a nosa prodixiosa e polifacética Marina Vidal impartise unha clase maxistral sobre música tradicional galega, coa axuda do alumno que todos os profes levariamos para a casa, Matías Munín. Canto temos que aprender! Bravo!!! 👏👏👏

X PREMIOS ROSALÍA DE CASTRO DA DEPUTACIÓN DA CORUÑA

Ás veces, o esforzo ten premio!!! Que ilusión!!! Graciñas pola colaboración, rapazada, compis e familias.


martes, 18 de xuño de 2019

A LER!!!

O verán é tempo que se pode aproveitar para ler por pracer. A nosa compi Cristina Quintáns Ruído achega esta proposta tan interesante e variada.


21 DÍAS CO GALEGO E +, ¿Funcionou no IES Pontepedriña?

#21dcgemais segue a darnos alegrías. Dirixida polo noso compi de Matemáticas, Daniel Blanco, a sondaxe estatística 21 días co galego e +, ¿Funcionou no IES Pontepedriña? levada a cabo por Xalo Cámaras, Valentín Ferotti, Óscar González e Daniel Iglesias (1ºESO) foi finalista no IX Concurso Incubadora de Sondaxes e Experimentos #SGAPEIO. Parabéns!!!



domingo, 16 de xuño de 2019

A BITTERSWEET FAREWELL

Velaquí estamos Marisa, Martiña, Olalla e Raquel, a metade do Dpto. de Inglés. Faltan na foto Begoña, Christian, Jan, Mercedes e Víctor. Agora que remata o curso, doume conta de que, a pesar de todas as dificultades que nos fomos atopando, foi un curso estupendo. Foi incrible comprobar como persoas que nunca traballaramos xuntas fomos quen coordinarnos tan ben. Porén, o mellor, sen dúbida, foi a boísima relación que establecemos, que transcendeu o meramente profesional. O vindeiro curso cada un e unha de nós estará nun destino distinto, pero sempre nos quedará a lembranza do Pontepedriña para sacarnos un sorriso. Graciñas, de corazón, por un fantástico ano, compis!


venres, 14 de xuño de 2019

ABAU 2019

Tras días de moitos nervios, rematou a #abau19 e o noso bravo alumnado cumpriu ata o final, incluída a xa "famosa" proba de Filosofía. Certamente, a nosa compi Marisa Ma Tris e o seu "survival kit" contribuíron a facer a tarefa máis levadía. Agora só resta agardar e descansar, que ben o merecedes. MOITA SORTE!!!


GAÑADOR NA CATEGORÍA 16-18 ANOS. III CONCURSO DE BOOKTRAILERS IES PONTEPEDRIÑA

Chegamos ao final dos premios do #IIIConcursoDeBooktrailersIESPontepedriña. Grazas á Secretaría Xeral de Política Lingüística, en especial a Pura Galán e Isabel Gil Gil, por facer posible que o concurso puidese saír dos muros do noso instituto. Graciñas a todas e todos os participantes dos distintos centros. Para o ano máis e mellor!!!
E agora si, o booktrailer gañador na categoría 16-18 anos corresponde á obra de Marcos Calveiro, O xardineiro dos ingleses, presentado por Artur Vázquez e Aarón Vilariño - gal (IES Pontepedriña). Parabéns polo voso fantástico traballo!!!

xoves, 13 de xuño de 2019

GAÑADOR NA CATEGORÍA 12-15 ANOS. III CONCURSO DE BOOKTRAILERS IES PONTEPEDRIÑA

E por fin, damos a coñecer o booktrailer gañador do #IIIConcursoDeBooktrailersIESPontepedriña na categoría 12-15 anos. Corresponde á novela de Andrea Maceiras , O que sei do silencio, presentado por David López Lapeña do IES de Foz. Noraboa!!!

mércores, 12 de xuño de 2019

2º CLASIFICADO CATEGORÍA 16-18 ANOS. III CONCURSO DE BOOKTRAILERS IES PONTEPEDRIÑA

Anunciamos hoxe o booktrailer que quedou 2º na categoría 16-18 anos no #IIIConcursoDeBooktrailersIESPontepedriña. Corresponde tamén á obra Made in Galiza, de Séchu Sende presentado por Rita Domínguez Lores (IES Lamas de Abade). Parabéns

martes, 11 de xuño de 2019

2º CLASIFICADO CATEGORÍA 12-15 ANOS. III CONCURSO DE BOOKTRAILERS IES PONTEPEDRIÑA

Comezamos a anunciar os flamantes gañadores e gañadoras do #IIIConcursoDeBooktrailersIESPontepedriña. O segundo clasificado dentro da categoría 12-15 anos foi o booktrailer da obra Made in Galiza, de Séchu Sende presentado por Noa Codesido Losada (IES Lamas de Abade). Parabéns

AGRICULTURA ECOLÓXICA

O alumnado de 1ºESO meteuse de cheo no mundo da agricultura ecolóxica e das plantas medicinais da man de Carmela Valiño, de Milhulloa, S. Coop. Galega. Foi moi interesante!



luns, 10 de xuño de 2019

III CONCURSO DE BOOKTRAILERS IES PONTEPEDRIÑA. XURADO

Tras unha ardua deliberación, o noso xurado do #IIIConcursoDeBooktrailersIESPontepedriña xa ten o seu veredicto. Graciñas a Lola Lagarón, Lois López Rico, Estela Pintos, Araceli Queiruga e Cristina Quintáns Ruído pola vosa colaboración. En breve, iremos anunciando os gañadores e gañadoras de cada categoría!




PREMIO VII CONCURSO ESCOLAR DE POESÍA ROSALÍA DE CASTRO

Un ano máis, a nosa alumna Andrea Sanjurjo fíxose co 1º accésit no VII Concurso Escolar de Poesía Rosalía de Castro organizado pola Casa de Rosalía e El Corte Inglés. Bravo pola túa creatividade e sensibilidade, Andrea!!!

sábado, 8 de xuño de 2019

FP DUAL

Velaquí representando o IES Pontepedriña, Chus Vázquez, a nosa vicedirectora, e Carmen Sosa, do Dpto. de Comercio e Márketing.

xoves, 6 de xuño de 2019

ECOSISTEMA INTERMAREAL

A nosa rapazada de 4º ESO tivo ocasión de estudar as distintas mareas coa actividade "Ecosistema intermareal", organizada polo Dpto. de Bioloxía (Nicolás Lucas). Como gozaron de bo tempo, ata puideron tomar o sol na praia!!!

sábado, 1 de xuño de 2019

PREMIO XXVI CERTAME LITERARIO XOÁN DÍAZ

E seguindo coas boas novas, a nosa alumna Andrea Sanjurjo volveu gañar outro premio. Desta volta foi o XXVI Certame literario Xoán Díaz. Parabéns, moza!!!


venres, 31 de maio de 2019

DE PÉ A PA 22

Coma todos os anos, presentamos a nosa revista "De pé a pa", que xa vai polo número 22. Agardamos que vos guste!!!

xoves, 30 de maio de 2019

DESPEDIDA DE CHRISTIAN

Cando en setembro coñecemos a Christian Young, o noso auxiliar de conversa en inglés, non sabiamos a sorte que tiñamos de contar con el. Parece mentira que só estiveses un curso con nós, porque te imos botar moito en falta. We wish you the best of luck!😍
 

PREMIO DO FESTIVAL DE CANS!!!

Que imos dicir destes dous artistazas! Moitísimos parabéns aos nosos alumnos Artur Vázquez e Aarón Vilariño polo #PremioFestivalCans2019 no IV Concurso de booktrailers "O ollo de vidro".
http://www.festivaldecans.gal/gl/palmares-do-iv-concurso-o-ollo-de-vidro/?fbclid=IwAR18pAsbKdnY1jJEXnIW4r83igqWoQXQkZG5RuyMsLOpGu6nJLYfD4LfUNM

martes, 28 de maio de 2019

BIOLOXÍA E MENORES DE IDADE

A rapazada de Valores Éticos e Bioloxía puido debatir sobre diversos temas con Roberto Soto Sola, maxistrado especializado en Dereito de familia e Paula Soto Castro, psicóloga forense do IMELGA. A charla deu moito de si e quedaron con ganas de preguntar aínda máis. Graciñas por todo.

domingo, 26 de maio de 2019

GRADUACIÓN 2019

Un ano máis despedimos outra promoción de mozos e mozas. Esperamos que vos guste este vídeo que fixemos con todo o noso agarimo. Parabéns!!! #Graduacion2019
Grazas Nicolás polas túas fantásticas fotos (Descargar)

xoves, 16 de maio de 2019

XOGOS TRADICIONAIS

O Departamento de Educación Física (Xabier Fernández e Iria Gonzalez Gonzalez) está logrando que a rapazada se interese por aqueles #XogosTradicionais aos que xa xogaban os seus avós e avoas. Durante os últimos recreos conseguiron que deixasen de lado as pantallas dos móbiles e desfrutasen do bo tempo todos xuntos. Parabéns, compis!!!

O CAMIÑO PORTUGUÉS

Descubrindo o #CamiñoPortugués: #Tui e #ValençaDoMinho.

martes, 14 de maio de 2019

QUEN TEN UN MESTRE ETNÓGRAFO?

A nosa rapazada de 1º e 2ºESO puido coñecer mellor a #AntonioFraguasFraguas dun xeito diferente co bo facer de Serafin Marcos Fernández. Non hai máis que ver as súas caras para darnos conta do ben que o pasaron. Graciñas, Serafín.

xoves, 9 de maio de 2019

FP INNOVA 2019

Acompañada polos compis Javier Benito Torres, Iago Hortas e Rosa Aldrey, a rapazada de Economía de 4ºESO, 1ºBAC e FP Básica asistiu ao Congreso #FPInnova, onde puido apreciar a innovación didáctica e tecnolóxica da FP galega.

CONFERENCIA DE JOSÉ MANUEL GONZÁLEZ HERRÁN

As nosas compañeiras do Dpto. de Lingua Castelá fixeron posible que o alumnado de 1ºBAC puidese asistir unha conferencia centrada na célebre obra de #EmiliaPardoBazán, #LosPazosDeUlloa, impartida polo catedrático de Literatura Española da Universidade de Santiago, José Manuel González Herrán, ao que agradecemos a súa presenza.

DESPEDIDA DE OLALLA

Hoxe despedimos a Olalla, a profe que chegou co ano novo pero que xa é "da casa". No Dpto. de inglés imos botar moito en falta o seu bo facer profesional e, máis aínda, a súa calidez humana. Agardamos que che vaia moi ben no teu novo destino, compañeira. Ata cando queiras!!!

sábado, 4 de maio de 2019

O PÓRTICO DA GLORIA

Que no IES Pontepedriña hai moito talento xa o sabiamos pero, unha vez máis, Estela Pintos, coordinadora desta iniciativa, déixanos sen palabras coa marabillosa réplica do #PórticodaGloria realizada polo alumnado de 4ºESO de Artes Plásticas. Podemos asegurar que impresiona ao vela en vivo. Bravo!!!👏👏👏
 

martes, 30 de abril de 2019

XXIV CERTAME DE TEATRO INTERCENTROS

Parabéns ao grupo de teatro do IES Pontepedriña capitaneado por Fran Campos pola súa brillante actuación no XXIV Certame Intercentros coa obra "Porteira es ti". Canto talento!!!

ENREGUÉIFATE! 2019

Un ano máis, o IES Pontepedriña volveu participar nos obradoiros Enreguéifate convocados polo Concello de Santiago de Compostela, cuxo obxectivo é apoiar e difundir a regueifa como forma de improvisación oral e contribuír á promoción do uso da lingua galega. Da man de Josinho Da Teixeira e Sara Marchena, a rapazada de 1ºESO aprendeu a improvisar as súas propias copliñas de temática diversa e, sobre todo, pasou un bo anaco expresándose en galego. Se cadra alguén se anima a tomar a remuda. Longa vida á regueifa!

VISITA A CELANOVA

Hoxe, os compis de Lingua Galega, Lola Lagarón, Emilio Otero e Iago HD, de Comercio acompañaron ao alumnado de 1ºBAC a Celanova para ir tras os pasos de Curros ou Celso Emilio Ferreiro e visitar a Fundación Curros Enríquez - Casa dos Poetas, o Mosteiro de San Salvador de Celanova e Vilanova dos Infantes. Desfrutaron dun día xenial e, sobre todo, moi instrutivo.

luns, 29 de abril de 2019

DÍA DO ADN 2019

O 25 de abril celebrouse o Día do ADN 2019 #DNAday, polo que o noso alumnado de Bioloxía asistiu á Xornada de Portas Abertas organizada polo Centro Nacional de Genotipado, a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela e o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), onde tivo ocasión de coñecer a Angel Carracedo. Non puido ser mellor aproveitada!

venres, 26 de abril de 2019

VISITA DE BERTA DÁVILA

Nunha nova edición da sección O curruncho das escritoras, a compostelá Berta Dávila volveu visitarnos por partida dobre. Por unha banda, respondeu en profundidade as preguntas do alumnado de 1º de Bacharelato sobre a súa novela O derradeiro libro de Emma Olsen, obra que suscitou gran debate. Por outra banda, a autora achegou a rapazada de 1ºESO un pouco máis ao poemario A Pel do Mundo, ilustrado por Alba Cid. Foi unha xornada moi intensa que, sen dúbida, serviu para promocionar a lectura en lingua galega. Graciñas, Berta.

martes, 23 de abril de 2019

23 ABRIL. DÍA DO LIBRO

Que mellor maneira de celebrar o #Día do libro que contar coa presenza dun escritor ou escritora? Pois hoxe a nosa rapazada de 2ESO puido coñecer a Héctor Cajaraville, Premio Merlín de Literatura Infantil e autor da obra A caixiña dos rancores. Foi unha sesión moi amena que rematou coa xa tradicional sinatura de exemplares.

luns, 22 de abril de 2019

III CONCURSO DE BOOKTRAILERS

O ENDL do IES Pontepedriña organiza unha vez máis un concurso de booktrailers, mais desta volta, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, poderá participar o alumnado matriculado en calquera centro educativo galego sostido con fondos públicos. Podedes acceder ás bases a través do código QR do cartel creado polos nosos mozos de 1º BACH Artur Vázquez e Aarón Vilariño, ou ben premendo aquí. Deixade fluír a vosa creatividade e participade. Estamos desexando ver as vosas creacións!



martes, 9 de abril de 2019

FIESTA, FIESTA, FIESTA!

Hoxe puidemos asistir no Teatro Principal á representación dunha adaptación da obra Fiesta, Fiesta, Fiesta! de Lucía Miranda a cargo do grupo de teatro do Colexio Rosalía de Castro de Moscova, dirixido por Elena Romanov. Os actores e actrices, que se atopan realizando un intercambio co seu IES homónimo en Santiago, pretenden describir a realidade dun grupo de estudantes de 3º ESO nun instituto público. Moi recomendábel!

VISITA Á ESCOLA GALEGA DO CONSUMO

O xoves pasado, o alumnado de FP Básica II participou nunha actividade moi interesante para a súa formación organizada pola Escola Galega do Consumo. Acompañouno o seu profe Iago HD.
 Descargar fotos

luns, 8 de abril de 2019

MERCADIÑO SOLIDARIO

Hoxe, 2 de abril, a rapazada do CM de Actividades Comerciais organiza o mercadiño solidario na entrada do instituto. Nel atoparás roupa de segunda man, complementos, bixutaría, material informático, cadros, libros e moito máis! Estará pola mañá de 12:25 a 12:45 e, pola tarde, de 18:00 a 18:30 horas. Todo o recadado será doado ao Refuxio de Bando#Mercapedrinha

venres, 29 de marzo de 2019

VISITA Á CASA GRANDE DE XANCEDA

Acompañado polos profes Rosa Aldrey e Javier Benito Torres, o estudando de Economía e Iniciación á Actividade Emprendedora e Empresarial visitou a Casa Grande de Xanceda, unha granxa ecolóxica rendible e respectuosa co medio ambiente.

mércores, 27 de marzo de 2019

VISITA AO OBSERVATORIO ASTRONÓMICO RAMÓN MARÍA ALLER

A rapazada de 1º de FP Básica visitou o Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, acompañada dos seus profes Dani e Iago HD. Foi unha actividade que gustou moito.

EXPLÍCHOCHE MATEMÁTICAS 2.0

Manuela Pita e Uxía Bravo (3º ESO) presentáronse ao concurso Explícoche Matemáticas 2.0'! Velaquí o seu fantástico vídeo:

luns, 25 de marzo de 2019

ELAS BRAVAS

O alumnado de 3º ESO participou na actividade chamada Elas Bravas, unha celebración da presenza feminina no audiovisual, tanto a nivel de creación (directoras, produtoras, actrices…) como a nivel de perspectiva de xénero nas historias. Tras unha primeira sesión preparatoria no propio centro, esta semana puido ver varias pezas audiovisuais coas que poder tomar consciencia sobre o importante papel que ten a muller nesta industria e que a miúdo pasa desapercibido.

xoves, 21 de marzo de 2019

XXIV EDICIÓN DOS PREMIOS SAN CLEMENTE

Laura Fernández, Alejandro Gómez, Miguel Rego, Sofía Silva, Sara Valle e Artur Vázquez (1º BACH) representaron o IES Pontepedriña na XXIV Edición dos Premios San Clemente, na que foron galardoados os escritores Marcos Calveiro, Pedro Mairal e Han Kang. Por outra banda, Lois Galbán (2ª BACH) participou na rolda de preguntas sobre a obra da escritora surcoreana.

luns, 11 de marzo de 2019

CRANIOS PRIVILEXIADOS

Hoxe o noso alumnado de 1º Bach puido gozar do espectáculo teatral de Mofa e Befa (Producións Teatrais Excéntricas) "Cranios privilexiados... ou crítica da razón perralleira" a través do cal aprendeu a filosofar dun xeito distinto.

venres, 8 de marzo de 2019

8M

Tras a exposición de mulleres no mundo da ciencia e aproveitando parte do material audiovisual desenvolvido para o proxecto #21dcgemais, comezamos unha serie de vídeos dedicados á figura da muller en distintos eidos, neste caso, no mundo da literatura en Galicia. #8M

A muller na arte galega

A muller na música galega
Para rematar esta serie de vídeos que pretenden reivindicar a figura da muller na sociedade, achegamos unha breve panorámica de grandes figuras no mundo do deporte cuxas xestas pasan moi desapercibidas. Seguimos en loita, compañeiras!!!

E como colofón á conmemoración do Día Internacional da Muller, tivemos a sorte de recibir á mellor futbolista do país, Verónica Boquete, quen animou ao alumnado a loitar polo que quere, deixando de lado os prexuízos. Sen dúbida, foi estupendo poder compartir con ela esta experiencia.

 Velaquí as mozas do Pontepedriña loitando polo seu futuro. Que orgullo!👏👏👏👏👏👏

venres, 1 de marzo de 2019

ENTROIDO

Que Entroidazo pasamos!!! Houbo disfraces de todas as cores, comparsas ben armadas e varias actuacións. Podedes velo todo neste vídeo e descargar as fotos premendo no enlace.

xoves, 28 de febreiro de 2019

VISITA DE ARACELI GONDA

Noutra edición do Curruncho das escritoras, o noso alumnado de 1º-2º Bach tivo a ocasión de mergullarse no mundo do cine e a televisión da man de Araceli Gonda, xornalista, escritora e guionista de series como Padre Casares ou Serramoura e de películas como 18 comidas. Foi moi interesante comprobar o descoñecida que é en realidade a tarefa de escribir un guión e resultou moi amena. 
Descargar fotos

martes, 26 de febreiro de 2019

VISITA DE LEDICIA COSTAS

Hoxe no Curruncho das escritoras, a rapazada de 2º ESO puido coñecer a Ledicia Costas, autora da obra Unha estrela no vento, que, por certo, len con moito gusto. Foi unha sesión moi amena na que aprenderon un montón de curiosidades. Grazas por vir, Ledicia.

sábado, 23 de febreiro de 2019

DÍA DE ROSALÍA

De todos os proxectos que levamos a cabo, sen dúbida, este é un dos que máis emocionou. Para conmemorar o Día de Rosalía, decidimos tirar proveito da diversidade cultural coa que temos a sorte de contar no centro. Cremos que este vídeo serve para pór de relevo dous feitos importantes: Rosalía de Castro é universal e todas as linguas son fermosas. Agardamos que vos guste.
Nós Televisión tamén se fai eco da nosa iniciativa e ofrece unha pequena escolma dos poemas de Rosalía. Parabéns á nosa rapazada polo ben que o fixo!!! #DíadeRosalía