martes, 31 de outubro de 2017

SAMAÍN 2017 (II)

O prometido é débeda. Estamos convencidas de que o noso alumnado de 1º e 2º de ESO cumpriu coa tradición de espantar os malos espíritos polo Samaín. Velaquí a proba:

  



Estamos moi satisfeitas de como se desenvolveu toda esta festa. Reiteramos o noso agradecemento a todas aquelas persoas que colaboraron connosco no centro, pero tamén ao alumnado e ás súas familias pola súa implicación.
Que pasedes un bo Samaín!!! 

luns, 30 de outubro de 2017

SAMAÍN 2017 (I)

Este ano o Equipo de Normalización e Dinamización Linguística animámonos a celebrar o Samaín no centro. Quixemos que o noso alumnado coñecese a orixe ancestral desta festa polo que elaboramos este vídeo, asesoradas polo noso compi de Xeografía e Historia, Rafa Lobelle:
A nosa alumna de 2º de ESO, Yulia Ovchinnikova, foi a encargada de elaborar o cartel que anunciaba o Samaín. Como pode apreciarse, o resultado foi "terrorífico":
 

Para levar a cabo esta tarefa, tivo axuda por parte dunhas magníficas colaboradoras: Irene, Iria, Lucía, Rebeca e Silvia, alumnas de 3º de ESO.


Contamos ademais coa inestimable contribución das nosas compañeiras Rosa, Teresa e Vanesa para ambientar o centro:


Por outra banda, o alumnado de 1º de ESO demostrou que ten verdadeiro talento artístico, como pode verse no deseño das súas cabazas. Foron estupendas todas elas!!!



Finalmente, o Departamento de Lingua Galega animou ao alumnado a buscar inspiración no Samaín para redactar os seus relatos curtos. Velaquí o resultado:


O Equipo de Dinamización sentímonos moi arroupadas por toda a comunidade do noso centro, non só por ternos axudado a decorar, senón tamén polos ánimos recibidos. Graciñas. Mañá continuará...
Descarga o álbum completo aquí

martes, 24 de outubro de 2017

DÍA INTERNACIONAL DA BIBLIOTECA

O 24 de outubro é o Día Internacional da Biblioteca. Xosé Tomás é o ilustrador que este ano achega a súa creación a todas as bibliotecas escolares do territorio galego, co lema: "Aprender a pensar coa biblioteca escolar". No IES Pontepedriña aproveitouse para que o noso novo alumnado de 1º ESO se familiarizase coa biblioteca e tirase proveito dela. Estamos segur@s de que así será.

venres, 20 de outubro de 2017

VISITA AO MUSEO DO MAR (VIGO)

Os departamentos de Lingua Galega, Xeografía e Historia, Música e o Equipo de Dinamización e Normalización organizamos unha visita ao Museo do Mar en Vigo co alumnado de 3º ESO e 1º de Bacharelato. Foi a ocasión perfecta para poder ver o Pergamiño Vindel, que contén as sete cantigas de amigo compostas por Martín Códax no século XIII, aproveitando que estará alí exposto ata o vindeiro 4 de marzo.
  
  
Tras pasar a mañá no Museo, antollouse boa idea viaxar en barco ata a Illa San Simón, co gallo de coñecer o seu pasado histórico como leprosaría, cárcere ou fogar de orfos. O tempo acompañou, polo que se puido gozar desta paisaxe única.
  
 

luns, 16 de outubro de 2017

QUE VAI SER DA NOSA TERRIÑA?

Que mágoa dá ver como arde o patrimonio natural que han de herdar os nosos fillos e fillas!!! Como se pode querer tan pouco a propia terra!!!
Esta imaxe fala por si mesma. Que tristura, que carraxe, que impotencia...

venres, 13 de outubro de 2017

CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO (CONCELLO DE LALÍN)

Queremos animar ao noso alumnado a loitar contra a violencia de xénero nun concurso que organiza o Concello de Lalín. Velaquí as dúas modalidades de participación:
1. XIV Concurso de cartas "Dillo a quen maltrata" 2017
2. VI Concurso de Tuits conta a violencia de xénero 2017
Bulide!!! Os prazos de presentación rematan o 3 de novembro e o 10 de novembro, respectivamente. Podedes atopar máis información en www.lalin.gal

xoves, 5 de outubro de 2017

CURTOCIRCUITO 2017

Un ano máis, o alumnado de Bacharelato do IES Pontepedriña asistiu ao Festival Internacional de Curtametraxes Curtocircuito no Teatro Principal. 

Alí, e dentro do programa Teenage Riot que insta á mocidade a loitar polos seus ideais, gozaron destas tres curtas na súa versión orixinal con subtítulos en lingua galega:
Rakastan Anna (Amo a Anna), de Joonas Rutanen (Finlandia)
Rocknrollertjies (Rocknrollers), de Daan Bol (Países Baixos)
Wenn du rausgehst (Se saes), de Nuria Gómez Garrido (Alemaña). Esta última colleitou moi boas críticas entre o noso alumnado.