martes, 30 de abril de 2019

XXIV CERTAME DE TEATRO INTERCENTROS

Parabéns ao grupo de teatro do IES Pontepedriña capitaneado por Fran Campos pola súa brillante actuación no XXIV Certame Intercentros coa obra "Porteira es ti". Canto talento!!!

ENREGUÉIFATE! 2019

Un ano máis, o IES Pontepedriña volveu participar nos obradoiros Enreguéifate convocados polo Concello de Santiago de Compostela, cuxo obxectivo é apoiar e difundir a regueifa como forma de improvisación oral e contribuír á promoción do uso da lingua galega. Da man de Josinho Da Teixeira e Sara Marchena, a rapazada de 1ºESO aprendeu a improvisar as súas propias copliñas de temática diversa e, sobre todo, pasou un bo anaco expresándose en galego. Se cadra alguén se anima a tomar a remuda. Longa vida á regueifa!

VISITA A CELANOVA

Hoxe, os compis de Lingua Galega, Lola Lagarón, Emilio Otero e Iago HD, de Comercio acompañaron ao alumnado de 1ºBAC a Celanova para ir tras os pasos de Curros ou Celso Emilio Ferreiro e visitar a Fundación Curros Enríquez - Casa dos Poetas, o Mosteiro de San Salvador de Celanova e Vilanova dos Infantes. Desfrutaron dun día xenial e, sobre todo, moi instrutivo.

luns, 29 de abril de 2019

DÍA DO ADN 2019

O 25 de abril celebrouse o Día do ADN 2019 #DNAday, polo que o noso alumnado de Bioloxía asistiu á Xornada de Portas Abertas organizada polo Centro Nacional de Genotipado, a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela e o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), onde tivo ocasión de coñecer a Angel Carracedo. Non puido ser mellor aproveitada!

venres, 26 de abril de 2019

VISITA DE BERTA DÁVILA

Nunha nova edición da sección O curruncho das escritoras, a compostelá Berta Dávila volveu visitarnos por partida dobre. Por unha banda, respondeu en profundidade as preguntas do alumnado de 1º de Bacharelato sobre a súa novela O derradeiro libro de Emma Olsen, obra que suscitou gran debate. Por outra banda, a autora achegou a rapazada de 1ºESO un pouco máis ao poemario A Pel do Mundo, ilustrado por Alba Cid. Foi unha xornada moi intensa que, sen dúbida, serviu para promocionar a lectura en lingua galega. Graciñas, Berta.

martes, 23 de abril de 2019

23 ABRIL. DÍA DO LIBRO

Que mellor maneira de celebrar o #Día do libro que contar coa presenza dun escritor ou escritora? Pois hoxe a nosa rapazada de 2ESO puido coñecer a Héctor Cajaraville, Premio Merlín de Literatura Infantil e autor da obra A caixiña dos rancores. Foi unha sesión moi amena que rematou coa xa tradicional sinatura de exemplares.

luns, 22 de abril de 2019

III CONCURSO DE BOOKTRAILERS

O ENDL do IES Pontepedriña organiza unha vez máis un concurso de booktrailers, mais desta volta, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, poderá participar o alumnado matriculado en calquera centro educativo galego sostido con fondos públicos. Podedes acceder ás bases a través do código QR do cartel creado polos nosos mozos de 1º BACH Artur Vázquez e Aarón Vilariño, ou ben premendo aquí. Deixade fluír a vosa creatividade e participade. Estamos desexando ver as vosas creacións!



martes, 9 de abril de 2019

FIESTA, FIESTA, FIESTA!

Hoxe puidemos asistir no Teatro Principal á representación dunha adaptación da obra Fiesta, Fiesta, Fiesta! de Lucía Miranda a cargo do grupo de teatro do Colexio Rosalía de Castro de Moscova, dirixido por Elena Romanov. Os actores e actrices, que se atopan realizando un intercambio co seu IES homónimo en Santiago, pretenden describir a realidade dun grupo de estudantes de 3º ESO nun instituto público. Moi recomendábel!

VISITA Á ESCOLA GALEGA DO CONSUMO

O xoves pasado, o alumnado de FP Básica II participou nunha actividade moi interesante para a súa formación organizada pola Escola Galega do Consumo. Acompañouno o seu profe Iago HD.
 Descargar fotos

luns, 8 de abril de 2019

MERCADIÑO SOLIDARIO

Hoxe, 2 de abril, a rapazada do CM de Actividades Comerciais organiza o mercadiño solidario na entrada do instituto. Nel atoparás roupa de segunda man, complementos, bixutaría, material informático, cadros, libros e moito máis! Estará pola mañá de 12:25 a 12:45 e, pola tarde, de 18:00 a 18:30 horas. Todo o recadado será doado ao Refuxio de Bando#Mercapedrinha