martes, 17 de abril de 2018

II CONCURSO DE BOOKTRAILERS


O ENDL do IES Pontepedriña convoca o II Concurso de Booktrailers, isto é, vídeos de promoción de libros de lectura, co fin de promover a lectura de libros en galego, o uso da lingua galega en relación coas TIC e a creatividade do alumnado. A convocatoria e a resolución deste concurso rexerase polas seguintes bases:

1) O obxectivo do concurso é contribuír á creación e difusión de traballos audiovisuais escolares no ámbito da normalización lingüística e promover a lectura como entretemento entre a mocidade.

2) Poderá concursar todo o alumnado matriculado no instituto neste curso escolar 2017-18.

3) Cada alumno ou alumna poderá presentar un máximo de 3 creacións inéditas.

4) Os booktrailers terán como finalidade promocionar calquera libro de lectura escrito en galego (tamén poden ser traducións) dos fondos da biblioteca do centro escolar.

5) A duración mínima é de 60 segundos e a máxima de 120 segundos.

6) Os traballos en soporte dixital (en calquera formato) enviaranse por correo electrónico ao enderezo da biblioteca (bibliotecapontepedrinha@gmail.com). Paralelamente cubrirase unha ficha de inscrición dispoñible na biblioteca do centro.

7) O prazo de entrega dos traballos remata o 16 de maio de 2018.

8) Establécense dous premios:
       1º premio 100 euros
       2º premio 50 euros
Para cada categoría de participación:
       De 12 a 16 anos
       De 16 anos en diante

9) Na avaliación dos traballos terase en conta os seguintes criterios: orixinalidade, creatividade, calidade artística e eficacia comunicativa.

10) O xurado estará formado por profesorado do instituto.

11) Os traballos ganadores publicaranse na páxina web do instituto e nas redes sociais e blog do ENDL. Así mesmo, proxectaranse na entrada do instituto.

12) A participación no concurso implica a cesión dos dereitos para difundir os traballos presentados, no ámbito da normalización da lingua galega e da promoción desta actividade por parte do IES.

13)  A participación no concurso implica a aceptación destas bases.

sábado, 14 de abril de 2018

ENREGUÉIFATE (II)

Tras a primeira entrega de Enreguéifate, os mestres de regueifa Alba María e Josinho da Teixeira volveron impartir a segunda parte do obradoiro. Foi incrible como lograron que ata aqueles máis tímidos de 1º e 2º ESO se soltaran e conseguiran improvisar as rimas. Foi unha experiencia moi enriquecedora e tivemos a sorte de contar cos mellores. Graciñas Alba e Josinho polo voso bo facer. Seguro que repetiremos.

sábado, 7 de abril de 2018

ENREGUÉIFATE (I)

Enreguéifate é un proxecto impulsado polos concellos de Ames, Carballo, Santiago de Compostela e Teo que apoia a difusión da improvisación oral en verso para contribuír, por medio dela, á promoción do uso da lingua galega. Onte puidemos participar nun dos obradoiros Enreguéifate que teñen como finalidade que a mocidade aprenda métodos de improvisación oral. Da man de Alba María e Josinho da Teixeira, o noso alumnado de 1º e 2º ESO e FP Básica puido amosar as súas dotes para improvisar. Pasámolo de medo!