sábado, 23 de decembro de 2017

AULAS DE INVERNO (II)

Quedamos abraiadas do moito e ben que traballou o noso alumnado de 1º e 2º da ESO. Daba gusto ver as súas caras de ilusión cando o xurado visitaba a súa aula. Se ben houbo só un gañador por categoría, 1ºR en 1º ESO e 2ºS en 2º ESO, tod@s o foron porque o fixeron realmente ben. Queremos agradecer especialmente aos titores e titoras (Esther Pereira, Conchi Seguín, Remedios Salgueiro, Susana Iglesias e Manolo Rodríguez) pola paciencia infinita que tiveron para poder levar a cabo esta actividade. Por suposto, non podemos esquecernos do noso xurado: Adrián Brey, Vanesa Frade, Sara Oca, Estela Pintos e Araceli Queiruga. Tiveron un labor realmente difícil! O ENDL temos claro que nada se pode facer sen a colaboración do alumnado, profesorado e persoal non docente e Aulas de Inverno é proba diso. Grazas, grazas e mil grazas!!!

1º R
1º S
1º T
2º R
2º S
2º T
Xurado

venres, 22 de decembro de 2017

O TABOLEIRO DOS BOS DESEXOS (II)

Pois ao final logramos levar a cabo un taboleiro de bos desexos xeitoso. Fómolo enchendo coas boliñas de cores. O deseño foi idea de Chus Vázquez, a nosa Vicedirectora, e púxoa en práctica Teresa Paz, que sempre está disposta a botarnos unha man. Graciñas a tod@s @s que achegastes os vosos desexos para este ano novo. Estamos seguras de que será ventureiro!!!

domingo, 17 de decembro de 2017

O TABOLEIRO DOS BOS DESEXOS

Cando queda xa tan pouquiño para recibir o ano novo, o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES Pontepedriña pretendemos facervos reflexionar sobre aqueles desexos desinteresados que queredes que se cumpran para o ano que vén. Baixo o lema "Enchamos o 2018 de...", animádevos a poñelos por escrito nas boliñas que temos preparadas.  Aparecerán expostos no taboleiro que se atopa na entrada do instituto. Quen sabe! Ao mellor a enerxía positiva que xeramos fai que nos sexan concedidos... 😋

Nós xa fixemos a nosa achega. Agardamos polas vosas!

luns, 4 de decembro de 2017

AULAS DE INVERNO

O Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES Pontepedriña convoca un concurso de decoración de aulas para celebrar a chegada do inverno e a entrada do aninovo entre o alumnado de 1º e 2º de ESO.
A decoración das aulas levarase a cabo durante a última semana de clase antes das vacacións de Nadal e será de temática invernal. Así mesmo, deberán incluír felicitacións de aninovo en lingua galega. Valorarase especialmente a utilización de materiais reciclados, re-utilizados e respectuosos co medio ambiente.
Estamos desexos@s de ver os resultados!!!