luns, 24 de decembro de 2018

venres, 21 de decembro de 2018

NADAL NO IES PONTEPEDRIÑA

Velaquí a celebración de Nadal no IES Pontepedriña. Parabéns a Artur Vázquez e Aarón Vilariño (1º Bach) polo premio á mellor postal de ano novo dixital e a Martiña Torea, gañadora na categoría "feita a man". Por último, o alumnado pasouno moi ben da man do mago Pedro Bugarín. Xenial!

martes, 18 de decembro de 2018

PREPARANDO O NADAL

A rapazada do ENDL encheuse de espírito invernal e velaquí o resultado. Mención especial merecen as mozas de 4ESO Cristina Aldrey, Iria Febrero, Julia Feijoo, Lucía Fernández, Laura Sabel e Noa Vázquez por deseñar o abeto no que locen as postais de ano novo participantes no concurso. Así dá gusto!!! 

luns, 17 de decembro de 2018

venres, 30 de novembro de 2018

CONCURSO DE FELICITACIÓNS DE ANO NOVO

Continuamos coa sección Aulas de inverno, que comezamos o curso pasado, animando ao noso alumnado a que deseñe a súa tarxeta para felicitar o ano novo. A tarxeta gañadora será a que se empregará para felicitar a toda a comunidade educativa. Podedes consultar aquí as bases:




xoves, 29 de novembro de 2018

LITERATURA CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA

O último dos actos desenvolvidos no noso centro para sumarnos á loita contra a violencia machista foi unha exposición e un maratón de lectura. Graciñas a Carmen Navarro Ilustración por deixarnos usar unha das súas obras na portada do vídeo e a toda a comunidade educativa que colaborou con esta actividade. Agardemos que nun futuro non moi lonxano non teñamos xa que lembrar o 25 de novembro.


venres, 23 de novembro de 2018

EN LOITA CONTRA O MACHISMO

Co gallo de amosar o apoio de toda a comunidade educativa á loita contra a violencia machista, o Dpto. de Filosofía animou o alumnado de Valores Éticos a levar a cabo esta dramatización. Foi realmente emocionante!!!

ENEÁLOGO CONTRA O MACHISMO

No IES Pontepedriña, quixemos que o alumnado reflexionase sobre aquelas condutas que poderían considerarse machistas, co gallo de facer un eneálogo a xeito de denuncia. Estamos máis que satisfeitxs co resultado!!!

venres, 16 de novembro de 2018

XXXI CONGRESO ENCIGA

O IES Pontepedriña vai estar representado no XXXI Congreso Enciga nas comunicacións "O soño que nunca existiu" de Sofía Silva Carbajales (1º Bach) [Socorro Liste López, Dpto.de Física e José Manuel Facal Díaz, IES Lamas de Abade] e "Despois do lume: incendios forestais e protección do solo" de Paula Alfonsín Suárez, Laura Fernández Caeiro, Cristina Díaz González e Lois Morón Rodríguez (1º Bach) [Nicolás Lucas Domínguez, Dpto. de Bioloxía e Xeoloxía].


domingo, 4 de novembro de 2018

O CURRUNCHO DAS ESCRITORAS. ARANTZA PORTABALES.

Este curso queremos continuar a actividade que iniciamos a ano pasado chamada O Curruncho das Escritoras. Desta volta, temos a sorte de contar coa autora galega nada en Donostia, Arantza Portabales. O martes 6 de novembro ás 16:30 o noso alumnado de 1º Bacharelato terá ocasión de resolver as dúbidas que lle xurdiron ao ler Deixe a súa mensaxe despois do sinal. De seguro será unha análise da súa obra moi interesante.


luns, 22 de outubro de 2018

SAMAÍN 2018

O ENDL do Pontepedriña queremos animarvos a que deades renda solta á vosa creatividade, así que vos pedimos que deixedes voar a imaxinación e decoredes a vosa propia cabaza de Samaín. Estamos desexando velas!!!

luns, 15 de outubro de 2018

TEATRO

Outro curso máis, a ANPA do IES Pontepedriña, en colaboración co ENDL e baixo a coordinación da nosa compi Cristina Quintáns, promociona o Obradoiro de teatro. Se che gusta actuar ou queres unirte a un grupo de alumnado con moita creatividade, non o dubides. Todos os martes despois de xantar e antes de comezar as clases da tarde, Fran Campos axudarache a coñecer o mundo da interpretación. Apúntate!!!

 

luns, 25 de xuño de 2018

GAÑADORXS DO II CONCURSO DE BOOKTRAILERS.

Andrés Osorio Leyenda foi o gañador do noso concurso co seu booktrailer: "A rateira". Moitos parabéns!!!

Andrea Freire Valiño obtivo o 2º premio no concurso co seu booktrailer: "A señorita Bubble". Excelente!!!
 

Parabéns a Elena Eiras Fariña por obter o 3º premio no concurso co seu booktrailer: "Xoeleiki, as aventuras dun ciberpirata".

xoves, 7 de xuño de 2018

DE PÉ A PA 21

Estamos encantadas de presentar o exemplar número 21 da revista De pé a pa. Graciñas a todas aquelas persoas que colaborastes. Sen vós, non poderiamos tela editado. Agardamos que vos guste o resultado.

domingo, 20 de maio de 2018

Mª VICTORIA MORENO. UNHA HISTORIA DE AMOR

Rematamos a semana dedicada á Letras Galegas coa posta en escena de "Mª Victoria Moreno. Unha historia de amor", de Serafín Marcos.
 

venres, 18 de maio de 2018

CONCERTO DIDÁCTICO DO CORO SON ELAS

Da man de Cristina Quintáns Ruído (Dpto. Música) o alumnado de 1ºESO, 3ºM e FP Básica puido experimentar en vivo a técnica vocal do fantástico coro Son Elas na semana das Letras Galegas. Bravo!!!
 

xoves, 17 de maio de 2018

LETRAS GALEGAS 2018

Velaquí a pequena achega do IES Pontepedriña para homenaxear a Mª Victoria Moreno no día das Letras Galegas.

  
  

sábado, 12 de maio de 2018

XXIII CERTAME TEATRO INTERCENTROS

Un ano máis o alumnado do IES Pontepedriña que forma parte do grupo de teatro participou no Certame de Teatro Intercentros. Baixo o título Over de rainbow, foron quen de facernos rir e de amosarnos o seu talento interpretativo no Teatro Principal. Parabéns!!!

CORRELINGUA 2018

A lingua non para!!!

 

venres, 11 de maio de 2018

LECTURAS FEMINISTAS

Que mellor xeito de rematar as celebracións polo Día do Libro que cunha charla impartida polo noso alumnado? Meu dito, meu feito. As alumnas de 4º ESO Paula Alfonsín, Alicia Novoa e Carla Penas animaron os seus compañeiros e compañeiras máis novos a ler obras que avogan pola igualdade de xénero. Foi moi interesante!!!
 

martes, 1 de maio de 2018

VISITA DE BERTA DÁVILA

A última autora coa que tivemos a sorte de contar no Curruncho das Escritoras foi Berta Dávila. O noso alumnado de 1º Bach tirou proveito da súa visita para entender mellor O Derradeiro Libro de Emma Olsen e mesmo puido entrevistala. Foi un verdadeiro pracer tela connosco!

martes, 17 de abril de 2018

II CONCURSO DE BOOKTRAILERS


O ENDL do IES Pontepedriña convoca o II Concurso de Booktrailers, isto é, vídeos de promoción de libros de lectura, co fin de promover a lectura de libros en galego, o uso da lingua galega en relación coas TIC e a creatividade do alumnado. A convocatoria e a resolución deste concurso rexerase polas seguintes bases:

1) O obxectivo do concurso é contribuír á creación e difusión de traballos audiovisuais escolares no ámbito da normalización lingüística e promover a lectura como entretemento entre a mocidade.

2) Poderá concursar todo o alumnado matriculado no instituto neste curso escolar 2017-18.

3) Cada alumno ou alumna poderá presentar un máximo de 3 creacións inéditas.

4) Os booktrailers terán como finalidade promocionar calquera libro de lectura escrito en galego (tamén poden ser traducións) dos fondos da biblioteca do centro escolar.

5) A duración mínima é de 60 segundos e a máxima de 120 segundos.

6) Os traballos en soporte dixital (en calquera formato) enviaranse por correo electrónico ao enderezo da biblioteca (bibliotecapontepedrinha@gmail.com). Paralelamente cubrirase unha ficha de inscrición dispoñible na biblioteca do centro.

7) O prazo de entrega dos traballos remata o 16 de maio de 2018.

8) Establécense dous premios:
       1º premio 100 euros
       2º premio 50 euros
Para cada categoría de participación:
       De 12 a 16 anos
       De 16 anos en diante

9) Na avaliación dos traballos terase en conta os seguintes criterios: orixinalidade, creatividade, calidade artística e eficacia comunicativa.

10) O xurado estará formado por profesorado do instituto.

11) Os traballos ganadores publicaranse na páxina web do instituto e nas redes sociais e blog do ENDL. Así mesmo, proxectaranse na entrada do instituto.

12) A participación no concurso implica a cesión dos dereitos para difundir os traballos presentados, no ámbito da normalización da lingua galega e da promoción desta actividade por parte do IES.

13)  A participación no concurso implica a aceptación destas bases.

sábado, 14 de abril de 2018

ENREGUÉIFATE (II)

Tras a primeira entrega de Enreguéifate, os mestres de regueifa Alba María e Josinho da Teixeira volveron impartir a segunda parte do obradoiro. Foi incrible como lograron que ata aqueles máis tímidos de 1º e 2º ESO se soltaran e conseguiran improvisar as rimas. Foi unha experiencia moi enriquecedora e tivemos a sorte de contar cos mellores. Graciñas Alba e Josinho polo voso bo facer. Seguro que repetiremos.

sábado, 7 de abril de 2018

ENREGUÉIFATE (I)

Enreguéifate é un proxecto impulsado polos concellos de Ames, Carballo, Santiago de Compostela e Teo que apoia a difusión da improvisación oral en verso para contribuír, por medio dela, á promoción do uso da lingua galega. Onte puidemos participar nun dos obradoiros Enreguéifate que teñen como finalidade que a mocidade aprenda métodos de improvisación oral. Da man de Alba María e Josinho da Teixeira, o noso alumnado de 1º e 2º ESO e FP Básica puido amosar as súas dotes para improvisar. Pasámolo de medo!


venres, 16 de marzo de 2018

VISITA DE LEDICIA COSTAS

O CURRUNCHO DAS ESCRITORAS.
Que ben o pasaron os rapaces e rapazas de 1 ESO coa visita de Ledicia Costas! Fixéronlle un feixe de preguntas e de seguro que lles entraron moitas ganas de ler outras das súas obras. Graciñas por vir.😍
 

venres, 9 de marzo de 2018

8 MARZO. GRANDES MULLERES GALEGO DO COTIÁN

Poñémoslle agora o contrapunto ao anterior vídeo sobre o 8M con estoutro titulado "Grandes Mulleres Galegas do Cotián". Todos e cada un dos alumnos e alumnas que participan nel relataron unha historia sobre mulleres anónimas valentes e loitadoras que nos emocionaron. A loita pola igualdade de dereitos ten moito que dicir aínda. Graciñas por colaborar!!!

mércores, 7 de marzo de 2018

CHARLA DA ASOCIACIÓN VE-LA LUZ

Co gallo de sensibilizar o noso alumnado neste 8 de marzo, Día Internacional da Muller, Gloria Vázquez da Asociación Ve-la Luz impartiu unhas clases interactivas a mozos e mozas de 4º ESO, 1º Bacharelato e FP Básica. Estamos seguras de que souberon aproveitalas.
  

luns, 5 de marzo de 2018

8 MARZO. GRANDES MULLERES GALEGAS NA HISTORIA

Tomando como referencia o "Álbum de Mulleres" (culturagalega.org) quixemos sumarnos á reivindicación do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, con figuras femininas galegas que deixaron a súa pegada na historia. Moitos dos nosos dereitos foron conquistados grazas a mulleres coma elas!


sábado, 3 de marzo de 2018

VOCES DA ESCOLA (RADIO VOZ)

Dentro da sección Voces da Escola de Radio Voz, Cristina Aldrey, Julia Feijoo e Laura Sabel (3º ESO) entrevistaron ao xogador de baloncesto do Monbus Obradoiro Alberto Corbacho de la Cruz. Podedes escoitar a entrevista no seguinte enlace:


sábado, 24 de febreiro de 2018

24 FEBREIRO. DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

Velaquí a pequena achega do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES Pontepedriña para conmemorar o 24 de febreiro, Día de Rosalía de Castro. Damos as grazas a tod@s @s que colaborastes na elaboración deste vídeo.

mércores, 21 de febreiro de 2018

VISITA DE ANDREA MACEIRAS

A nosa segunda autora dentro da sección O Curruncho das Escritoras foi Andrea Maceiras. O alumnado de 3º ESO leu a súa novela Europa Express e fíxolle todas aquelas preguntas que lle xurdiron tras a súa lectura. Puidemos comprobar que é unha obra que lles gustou. Foi un pracer tela connosco.

luns, 19 de febreiro de 2018

SORTEO "CARTAS DE SAN VALENTÍN"

Durante dúas semanas, o amor encheu o aire do IES Pontepedriña. Hoxe levamos a cabo o sorteo da carta de amor gañadora. Parabéns á nosa afortunada!!!
a>
 

venres, 16 de febreiro de 2018

SEMANA DA MULLER E NENA NA CIENCIA

Podedes ver o vídeo que resume as actividades organizadas polo ENDL, o Dpto. de de Física e Química e o Dpto. de Bioloxía e Xeoloxía para conmemorar o Día Internacional da Muller e Nena na Ciencia.

domingo, 11 de febreiro de 2018

11 FEBREIRO. DÍA INTERNACIONAL DA MULLER E A NENA NA CIENCIA

Co gallo de celebrar este día tan sinalado, o ENDL, o Dpto. de Física e Química e o Dpto. de Bioloxía e Xeoloxía traballamos xuntos para facelo visible no noso centro. Da man da nosa compañeira de Física e Química, Socorro Liste, tivemos a sorte de contar coa doutora Xoana Pintos Barral, investigadora na USC especialista en estudos de xénero e na presenza da muller no eido científico, quen o pasado 8 de febreiro compartiu as súas experiencias co noso alumnado de 3ºESO. Así mesmo, o seu labor vese reflectido na exposición itinerante Mulleres no Laboratorio. As Primeiras Científicas da USC.
O Vindeiro 15 de febreiro poderemos asistir á charla impartida pola doutora Jannette Rodríguez Pallares, Dpto. de Ciencias Morfolóxicas do CIMUS da USC. A conferencia está dirixida ao alumnado de 4ºESO e levará por título "De mayor quiero ser... científica", na que nos falará da súa experiencia como muller investigadora, así como das súas investigacións que se centran na enfermidade do Parkinson.
Sirva este vídeo como homenaxe a todas aquelas mulleres que grazas ao seu esforzo e tesón seguen a abandeirar a loita pola igualdade real entre homes e mulleres. Grazas compañeiras!!!

venres, 9 de febreiro de 2018

FESTIVAL DE ENTROIDO

O Entroido chegou ao noso centro e espallouse entre toda a comunidade educativa, non só entre o alumnado (preme nas imaxes para amplialas):
Volvemos contar coa colaboración de Adrián Brey, quen se animou a presentar o festival:
O noso alumnado amosou moita orixinalidade e bo humor, como pode verse no colorido dos disfraces:
 Tivemos comparsas...

 ...parellas e desfiles individuais.

Velaquí se recollen os mellores momentos. Agardamos que vos guste.Para o ano máis e mellor!!!