luns, 22 de xaneiro de 2018

VOCES DA ESCOLA (RADIO VOZ)

Na sección "Voces da Escola" do programa "Voces de Compostela" de Radio Voz, @s nos@s "xornalistas" entrevistaron a unhas persoas moi especiais: os seus propios compañeiros e compañeiras que gañaron o premio Internacional da FAO. Foi realmente emocionante!!!

mércores, 17 de xaneiro de 2018

ENTROIDO 2018



O ENDL do IES Pontepedriña en colaboración cos Dptos. de Lingua Galega e Relixión organiza unha exposición de receitas na que calquera membro da comunidade educativa pode contribuír. Só ten que enviala ao enderezo electrónico bibliotecapontepedrinha@gmail.com ou entregala en papel ao profesorado de galego. Terán que ser receitas típicas do entroido, estar escritas en galego e incluír unha imaxe. O prazo rematará o vindeiro 5 de febreiro.

Por outra banda, animamos a presentar os pratos elaborados o 9 de febreiro. Deste xeito, estaredes colaborando co alumnado que viaxará a Londres e Roma, xa que poderán ser vendidos durante o Festival de Entroido para recadar fondos. 

Así mesmo, as persoas que se animen a elaborar a receita poden crear un videotitorial da mesma e participar no concurso Youtubeir@s. O dito concurso organizado polos Servizos de Normalización Lingüística dos concellos da Baña, Ames, Carballo, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove, das Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo e da Deputación da Coruña promove incentivar a creación e difusión de vídeos de opinión e videotitoriais en galego.
Poden optar a estes premios todas as persoas maiores de 14 anos. O prazo para inscribir os vídeos e canles no Premios Youtubeir@s é do 1 de decembro de 2017 ao 15 de marzo do 2018 ás 23.59 h. A participación está aberta ao ámbito internacional e é de balde. As persoas participantes deben inscribirse a través do formulario que figura na web http://youtubeiras.gal/inscricions/. Poderedes atopar toda a información precisa e a contía dos premios no seguinte enlace: (http://youtubeiras.gal/bases/).

O venres 9 de febreiro terá lugar o noso tradicional Festival de Entroido. Este ano, ademais de actuacións musicais, haberá un concurso de disfraces, rexido polas seguintes BASES:
1) Para poder participar nel, cómpre anotarse na conserxaría nunha das categorías: individual, parella e grupo (poder ser formado por alumnado de distintas aulas).
2) Para optar ao premio, non é preciso participar en ningunha das actuacións musicais previstas.
3) Valorarase a orixinalidade dos disfraces e a posta en escena á hora de desfilar ante o xurado nomeado para tal fin.
4) @s participantes no concurso de disfraces aceptan as condicións expostas nestas bases.

mércores, 10 de xaneiro de 2018

DÍA INTERNACIONAL DO SOLO

Orgullo!!! Este sentimento percorre o IES Pontepedriña e non é para menos. Un grupo de alumnado e profesorado acaba de proclamarse vencedor dun Certame Internacional convocado pola FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura) para conmemorar o Día Internacional do Solo. Coordinados por Nicolás Lucas (Dpto. Bioloxía e Xeoloxía) e baixo o título Despois do Lume, este equipo presentou un mural que expresaba un relato sobre a destrución de vexetación e dos solos. Traballaron arreo o Dptos. de Plástica, Tecnoloxía, Bioloxía e Xeoloxía, Música, Inglés e Lingua Galega con alumnado de 3º e 4º ESO e o resultado foi impresionante. Déronnos unha lección de como facer as cousas ben e, sobre todo, de que a colaboración interdepartamental é fundamental. PARABÉNS!!!
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/2018/01/10/ies-pontepedrina-gana-concurso-fao-trabajo-sobre-incendios/0003_201801S10C4991.htm
Tedes toda a información sobre Despois do Lume, proxecto gañador do Certame Internacional da FAO, neste enlace: http://www.edu.xunta.gal/centros/iespontepedrina/node/646

sábado, 23 de decembro de 2017

AULAS DE INVERNO (II)

Quedamos abraiadas do moito e ben que traballou o noso alumnado de 1º e 2º da ESO. Daba gusto ver as súas caras de ilusión cando o xurado visitaba a súa aula. Se ben houbo só un gañador por categoría, 1ºR en 1º ESO e 2ºS en 2º ESO, tod@s o foron porque o fixeron realmente ben. Queremos agradecer especialmente aos titores e titoras (Esther Pereira, Conchi Seguín, Remedios Salgueiro, Susana Iglesias e Manolo Rodríguez) pola paciencia infinita que tiveron para poder levar a cabo esta actividade. Por suposto, non podemos esquecernos do noso xurado: Adrián Brey, Vanesa Frade, Sara Oca, Estela Pintos e Araceli Queiruga. Tiveron un labor realmente difícil! O ENDL temos claro que nada se pode facer sen a colaboración do alumnado, profesorado e persoal non docente e Aulas de Inverno é proba diso. Grazas, grazas e mil grazas!!!

1º R
1º S
1º T
2º R
2º S
2º T
Xurado

venres, 22 de decembro de 2017

O TABOLEIRO DOS BOS DESEXOS (II)

Pois ao final logramos levar a cabo un taboleiro de bos desexos xeitoso. Fómolo enchendo coas boliñas de cores. O deseño foi idea de Chus Vázquez, a nosa Vicedirectora, e púxoa en práctica Teresa Paz, que sempre está disposta a botarnos unha man. Graciñas a tod@s @s que achegastes os vosos desexos para este ano novo. Estamos seguras de que será ventureiro!!!

domingo, 17 de decembro de 2017

O TABOLEIRO DOS BOS DESEXOS

Cando queda xa tan pouquiño para recibir o ano novo, o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES Pontepedriña pretendemos facervos reflexionar sobre aqueles desexos desinteresados que queredes que se cumpran para o ano que vén. Baixo o lema "Enchamos o 2018 de...", animádevos a poñelos por escrito nas boliñas que temos preparadas.  Aparecerán expostos no taboleiro que se atopa na entrada do instituto. Quen sabe! Ao mellor a enerxía positiva que xeramos fai que nos sexan concedidos... 😋

Nós xa fixemos a nosa achega. Agardamos polas vosas!

luns, 4 de decembro de 2017

AULAS DE INVERNO

O Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES Pontepedriña convoca un concurso de decoración de aulas para celebrar a chegada do inverno e a entrada do aninovo entre o alumnado de 1º e 2º de ESO.
A decoración das aulas levarase a cabo durante a última semana de clase antes das vacacións de Nadal e será de temática invernal. Así mesmo, deberán incluír felicitacións de aninovo en lingua galega. Valorarase especialmente a utilización de materiais reciclados, re-utilizados e respectuosos co medio ambiente.
Estamos desexos@s de ver os resultados!!!