venres, 22 de decembro de 2017

O TABOLEIRO DOS BOS DESEXOS (II)

Pois ao final logramos levar a cabo un taboleiro de bos desexos xeitoso. Fómolo enchendo coas boliñas de cores. O deseño foi idea de Chus Vázquez, a nosa Vicedirectora, e púxoa en práctica Teresa Paz, que sempre está disposta a botarnos unha man. Graciñas a tod@s @s que achegastes os vosos desexos para este ano novo. Estamos seguras de que será ventureiro!!!

domingo, 17 de decembro de 2017

O TABOLEIRO DOS BOS DESEXOS

Cando queda xa tan pouquiño para recibir o ano novo, o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES Pontepedriña pretendemos facervos reflexionar sobre aqueles desexos desinteresados que queredes que se cumpran para o ano que vén. Baixo o lema "Enchamos o 2018 de...", animádevos a poñelos por escrito nas boliñas que temos preparadas.  Aparecerán expostos no taboleiro que se atopa na entrada do instituto. Quen sabe! Ao mellor a enerxía positiva que xeramos fai que nos sexan concedidos... 😋

Nós xa fixemos a nosa achega. Agardamos polas vosas!

luns, 4 de decembro de 2017

AULAS DE INVERNO

O Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES Pontepedriña convoca un concurso de decoración de aulas para celebrar a chegada do inverno e a entrada do aninovo entre o alumnado de 1º e 2º de ESO.
A decoración das aulas levarase a cabo durante a última semana de clase antes das vacacións de Nadal e será de temática invernal. Así mesmo, deberán incluír felicitacións de aninovo en lingua galega. Valorarase especialmente a utilización de materiais reciclados, re-utilizados e respectuosos co medio ambiente.
Estamos desexos@s de ver os resultados!!!

xoves, 30 de novembro de 2017

VOCES DA ESCOLA (RADIO VOZ)

Daniel Méndez, Alicia Novoa, Carla Penas e Paula Alfonsín, alumnado de 4º de ESO, deron os seus primeiros pasos como xornalistas entrevistando a Patricia de Lorenzo, actriz do Grupo Chévere.
Na sección "Voces da Escola" do programa "Voces de Compostela" de Radio Voz en Santiago de Compostela, os nosos mozos e mozas someteron a actriz a unha exhaustiva entrevista, incidindo na súa experiencia laboral e na súa idea do feminismo.

25 DE NOVEMBRO (III)

Para rematar coas actividades que conmemoran o 25N, Chus Vázquez, vicedirectora deste centro, programou tres sesións interactivas nas que Gloria Vázquez e as súas compañeiras da Asociación Ve-la Luz (Asociación Galega para a Defensa de Mulleres e Nen@s Superviventes da Violencia de Xénero e/ou Abusos) abordaron a problemática da violencia machista co noso alumnado de 3º ESO, 1º Bacharelato e FP Básica. Foron moi instrutivas, polo que de seguro repetiremos experiencia.


  

venres, 24 de novembro de 2017

25 DE NOVEMBRO (II)

Esta semana estivemos moi atarefad@s coa preparación das actividades do 25N, pero pagou a pena. Intentamos facer a nosa pequena achega recollida neste vídeo. Agardamos que vos guste...

martes, 14 de novembro de 2017

25 DE NOVEMBRO


PROGRAMA
15/11/2017: Durante os primeiros recreos desta semana e da que vén, o noso compañeiro do Departamento de Xeografía e Historia, Rafa Lobelle, estará na aula de usos múltiples coordinando a elaboración de carteis e pancartas para concienciarnos sobre a necesidade de erradicar a violencia de xénero. Tamén se pide a colaboración de toda a comunidade educativa para que engadades un post-it de distintas cores co voso lema en contra da violencia. Animádevos a participar!!!
 
28/11/2017: Gloria Vázquez, membro da Asociación Ve-la Luz (Asociación Galega para a defensa de mulleres e nen@s superviventes da violencia de xénero e/ou abusos) impartirá unha serie de charlas interactivas sobre esta problemática. Velaquí o horario:
- 3ºA (10:45 - 11:35)
- FP Básica (11:35 - 12:25)
-1ºD (12:45 - 13:35)
- 3ºB (13:35 - 14:25)
 

Ademais, durante a vindeira semana os corredores do noso centro servirán de lenzo para expor a escolma de cancións contra o maltrato realizada polo alumnado de 1º de Bacharelato e coordinada pola nosa compañeira Cristina Quintáns.
Ao mesmo tempo, a nosa compañeira do Departamento de Lingua Galega, Mariló Lagarón, foi a encargada de supervisar a actividade "Chíos contra o maltrato", emulando as mensaxes da célebre rede social. Algúns deles participaron no concurso chíos de twitter contra a violencia de xénero, organizado polo Concello de Lalín.

Temos por diante unha semana comprometida con esta causa, polo que precisaremos da vosa axuda. Súmate á xeira!!!